TEMAS 11-12-13. A GUERRA FRÍA E A DESCOLONIZACIÓN. O MUNDO ENTRE 1945 E 1990: Comentario e análise do mapa da descolonización.

Comentar un mapa histórico: A Descolonización

O comentario dun mapa divídese en tres partes: introducción, o comentario propiamente dito e a conclusión.

  1. Introducción: explica brevemente o momento histórico que representa o mapa (o proceso descolonizador)
  2. Comentario ou explicación do mapa. Esta é a parte máis importante. Debes explicar o tema sobre o que trata o mapa. Neste sentido, debes falar dos factores e causas da Descolonización, os territorios afectados, as fases, os conflitos, as consecuencias deste feito histórico….

É importante que vaias relacionando toda esa información cos datos reflictidos  no mapa.

  1. Conclusión: debes facer unha valoración xeral da información que nos ofrece o mapa.

Imagen1

Proposta solucionada a modo de exemplo orientativo:

INTRODUCCIÓN:

O presente mapa amosa África, o sur de Asia e parte de Oceanía, reflictindo o proceso de descolonización dos antigos imperios coloniais europeos e outros territorios dependentes do antigo Imperio Otomán (Próximo Oriente) ou pertencentes aos EE.UU (Filipinas).

Nesta zona do mundo foi onde se concentrou a acción do colonialismo, sobre todo europeo, da segunda metade do século XIX, e onde, polo tanto, se levou a cabo a descolonización.

A descolonización levouse a cabo, fundamentalmente, entre o final da IIGM (1945) e 1975, permitindo o acceso á independencia da gran maioría das antigas colonias. A descolonización é un dos grandes acontecementos históricos do século XX, e o actual mapa mundial é en gran medida froito dela.

 

COMENTARIO:

O mapa representa as etapas e a localización da descolonización. Deste documento despréndese que aquela levouse a cabo con gran rapidez, xa que en apenas vinte anos a maioría dos territorios coloniais acadaron a independencia. Estes países constitúen hoxe a maior parte do territorio e da poboación mundial. Tamén pode observarse que a emancipación produciuse antes e máis rápidamente en Asia que en África.

O antecedente histórico máis inmediato da descolonización foi a desintegración do Imperio Turco trala Gran Guerra: os territorios musulmáns como Iraq, Exipto, Iemen, Palestina, Siria, Xordania ou Líbano acadaron a independencia, aínda que baixo a forma de mandatos (coa tutela das administración británica e francesa), non logrando unha independencia total ata despois da Segunda Guerra Mundial.

Por outra banda, xa antes da II Guerra Mundial xurdiran movementos nacionalistas que promoverán a protesta contra a ocupación e dominio coloniais, e contra a explotación económica por parte das metrópoles.

Entre os principais factores da descolonización debemos recordar os seguintes:

  • O debilitamento das potencias coloniais e a fin da hexemonía europea trala IIGM.
  • A aparición da Guerra Fría e os intentos de expansión das áreas de influencia dos EE.UU e da URSS. Hai que ter en conta a tradicional actitude anticolonialista das dúas superpotencias (valores democráticos no caso norteamericano e o carácter antiimperialista do marxismo-leninismo no caso ruso)
  • O recoñecemento do dereito de autodeterminación por parte da ONU (todo pobo tiña dereito a desenvolver un goberno propio)
  • O xurdimento dunha conciencia de identidade nacional nos pobos colonizados, o que motivou a reclamación de dereitos democráticos (liberdade, soberanía, independencia…)
  • A solidariedade e apoio á descolonización de todos os pobos que seguíu á Conferencia de Bandung de 1955.

Así pois, a Segunda Guerra Mundial favoreceu a auxe do independentismo ante as dificultades que atravesaban as metrópoles (Reino Unido, Francia, Bélxica, Holanda…). Nese contexto, ademais, crecía a opinión mundial contra o colonialismo (ONU, as dúas grandes superpotencias do mundo bipolar, intelectuais, relixiosos….)

Moitos dos movementos de liberación estiveron dirixidos por líderes formados nas metrópoles, como o hindú Gandhi ou o vietnamita Ho Chi Minh. Para acadar a independencia algúns destes movementos tomaron a vía pacífica (India) e outras a revolucionaria, en forma de actividade guerrilleira ou empregando o terrorismo contra os europeos (guerra de Alxeria, guerra de Indochina….).

En xeral, pode decirse que mentres o goberno británico optou por unha saída negociada, flexible e non violenta (o que explica, por exemplo, a fundación en anos posteriores da chamada Commonwealth ou comunidade de territorios antigamente colonizados polos ingleses); pola contra Francia (guerras de Indochina e Alxeria), Holanda (guerra en Indonesia) e Portugal (guerras en Angola e Mozambique) resistíronse a conceder nun principio a independencia ás súas coloniais, o que derivou en moitos dos conflitos sanguentos xa comentados anteriormente.

No presente mapa apréciase que eran moi poucos os países desta parte do planeta non sometidos ás metrópoles (Exipto, Etiopía, Irán, Afganistán, China, Tailandia…). O resto desta inmensa zona atravesou distintas etapas desde o dominio colonial ata a liberación, o que se pode observar nas lendas e datas do documento.

Dentro do proceso descolonizador poden distinguirse varias fases:

-A xa comentada con respecto á desparición do dominio otomán e que afectou, fundamentalmente, á rexión do Próximo Oriente.

-A desenvolvida entre 1945-1955:  esta etapa abrangue desde os anos inmediatamente posteriores á IIGM ata a Conferencia de Bandung. Obsérvase que esta etapa afectou, sobre todo a Asia, continente que se adiantou apreciablemente a África. Nesta etapa prácticamente liquidouse o imperio colonial en Asia (India, Pakistán, Birmania, Sri Lanka no subcontinente hindú, cara 1947-48, e Irak e Palestina no Próximo Oriente), do holandés (Indonesia, en 1949), do norteamericano (Filipinas, 1946) e dos territorios conquistados por Xapón desde finais do XIX (Corea, Manchuria, Taiwán…), así como do imperio francés  no Próximo Oriente (Siria e Líbano).

Polo xeral, todos estes países independizáronse de forma pacífica mediante acordos coa metrópole, agás Indonesia, que o fixo tras unha longa guerra de guerrillas contra os holandeses (guerra de liberación nacional, como vese no mapa co símbolo correspondente). No caso de Filipinas tamén houbo actividade armada antes de conseguir a independencia. A India aparece no documento sinalada non tanto pola violencia (recordamos a campaña pro independencia do pacifista Gandhi), senón pola violencia desatada entre hindúes e musulmáns trala partición da antiga colonia británica en dous Estados distintos.

-A etapa entre 1955 e 1970: precisamente, en 1955, celebrouse a importante Conferencia de Bandung, onde, entre outros temas, países recentemente independizados, rexeitaron o colonialismo e reclamaron o dereito dos territorios aínda sometidos a acadar a independencia plena. Durante este período, prácticamente finalizou a descolonización asiática, coa desaparición do imperio francés de Indochina (tras un longo e sangriento conflito coñecido como a primeira guerra do Vietnam, entre 1945 e 1954); os británicos concederon a independencia a  Malaisia  (na que houbo unha importante actividade guerrilleira comunista) e Borneo. Pero, sobre todo, accederon á independencia a maior parte dos países do Magreb, no norte de África (Marrocos, Tunisia, Alxeria, Libia…) e do África negra ou subsahariana (Ghana, Nixeria, Kenya, Chad, Sudán, Congo…..). Vemos no mapa que moitos destes procesos independentistas lográronse despois de longos e cruentos conflitos, destacando, especialmente, a chamada guerra de Alxeria (FNLA contra o exército francés, recoñecendo Francia a independencia de Alxeria no ano 1962)

-De 1970 á actualidade produciríanse as independencias das últimas colonias. Son destacables os casos das derradeiras colonias españolas (Guinea Ecuatorial e o Sáhara, este último ocupado na actualidade por Marrocos), as portuguesas (Angola e Mozambique, que tras 1975 veríanse inmersas en conflitos internos, loitas de faccións guerrilleiras e intervencións estranxeiras polos intereses da Guerra Fría), Namibia (ocupada polos sudafricanos ata os anos 90), e outros territorios menores (as cidades de Hong Kong e de Macao, por exemplo, devoltas a China a finais do século XX). Casos especiais, non relativos á independencia senón á vergonza de manter réximes de apartheid ou segregación racial, foron os de Zimbaue e Sudáfrica (este último, ata 1994), polo que durante anos non tiveron relacións diplomáticas normais polo boicot da comunidade internacional.

CONCLUSIÓN:

A descolonización xerou unha nova situación do mapa mundial. Os novos países conseguiron a soberanía e a independencia plena, pero, na maior parte dos casos, trala descolonización pasaron a formar parte do Terceiro Mundo. Neste sentido, moitos son estados cunha grande inestabilidade política, relacionada coas fronteiras artificiais coas que naceron (división dunha mesma etnia separada entre varios países, mestura de etnias enfrontadas no novo estado, orixinándose conflitos e guerras que continúan na actualidade); o neocolonialismo e a dependencia económica cara ás antigas metrópoles, o que explica o subdesenvolvemento e atraso económico xeral  e as enormes bolsas de pobreza (a pesar, das grandes riquezas naturais de moitos dos novos países), e a falta de tradición democrática (co xurdimento de réximes autoritarios ou democracias moi febles, xa que o poder político adoita a estar en mans dunha minoría corrupta e que non fai nada por aminorar as grandes desigualdades sociais e económicas nos seus países, o que explica os frecuentes golpes de Estado, guerras civís, eleccións pouco limpas, etc).

En definitiva, un feito histórico que axuda a explicar moitos dos fenómenos e feitos culturais, económicos, políticos, estratéxicos do mundo actual nesas zonas do planeta.

 

Advertisements
Esta entrada foi publicada en 1º BACHARELATO HISTORIA CONTEMPORÁNEA. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s