TEMAS 2-4. LIBERALISMO E NACIONALISMO: Proposta solucionada para comentar o mapa de Europa antes da IGM

O comentario dun mapa divídese en tres partes: introducción, o comentario propiamente dito e a conclusión.

INTRODUCCIÓN:

O mapa político de Europa cambiou constantemente ao longo do XIX como resultados dos sucesivos feitos políticos que tiveron lugar nese período: as guerras napoleónicas (1799-1815), o novo sistema territorial e político imposto polo Congreso de Viena de 1815 (que se mantivo, aproximadamente, ata mediados de século), ou as modificacións territoriais relacionadas coas ondas revolucionarias de 1820, 1830 e 1848 (nacemento de Bélxica, Grecia e outros estados).

En 1870/1871, o mapa europeo volveu a cambiar de forma considerable co xurdimento de dous novos e importantes estados, o Reino de Italia e o II Reich alemán. No derradeiro cuarto do século XIX, habería novos cambios, relacionados coa debilidade do Imperio turco e as reivindicacións dos pobos non otománs da Europa balcánica.

 

COMENTARIO:

A partir do presente mapa, podemos destacar e analizar a situación política e territorial das potencias máis importantes no contexto temporal indicado:

  • Gran Bretaña: o Reino Unido era cara 1870 unha das grandes potencias militares, industriais e colonias que destacaban na Europa do momento. De feito, durante a segunda metade do XIX e primeiras décadas do XX, Gran Bretaña foi a principal potencia industrial e colonial do mundo. A súa prosperidade estivo acompañada dunha gran estabilidade política interna e dunha lenta democratización do sistema. Dito período coñécese como era vitoriana (por coincidir en gran parte co longo reinado da raíña Vitoria I, entre 1837 e 1901). O sistema político británico (que non sufriu as convulsions das grandes revolucións políticas do XVIII e do XIX), tiña como piares fundamentais a coroa (símbolo da unión dos británicos e o parlamento bicameral (que lexislaba e controlaba ao goberno). O Partido Conservador e o Partido Liberal alternábanse no goberno, coincidindo os dous na defensa das institucións tradicionais, da ideoloxía liberal, da aplicación de reformas progresivas e no alonxamento dun risco dunha posible revolución. A pesar dos seus avances, na sociedade vitoriana existiron fortes desigualdades sociais. Por outra banda, o principal problema da política interna británica foi a chamada cuestión irlandesa. Dende a conquista da illa, Inglaterra someteu e tratou a Irlanda como unha mera colonia, o que levou a un progresivo fortalecemento do nacionalismo irlandés. Os proxectos de dotar de autonomía a Irlanda por parte dos gobernantes británicos fracasarían a finais do s. XIX, e o problema de Irlanda non se solucionaría ata ben entrado o século XX.

Finalmente, a nivel de política internacional, durante as últimas décadas do XIX, Gran Bretaña apoiaríase no seu considerable imperio colonial e nunha serie de alianzas estratéxicas, primeiro con Francia e logo con Rusia, temerosa cada vez máis da progresiva importancia industrial e militar de Alemaña.

  • Francia: o desenvolvemento político de Francia no século XIX caracterizouse pola inestabilidade dos seus réximes, pasándose dun sistema monárquico a un republicano, dentro dun contexto de cambios que favoreceu a evolución cara a democracia, a industrialización e a expansión colonial.

Entre 1851 e 1870, Luís-Napoleón Bonaparte (Napoleón III), aboliu a II República e impuxo un Segundo Imperio francés, un sistema de goberno autoritario, personalista, baseado no liberalismo burgués de tipo conservador e unha activa política imperialista. Pero, progresivamente illada a nivel internacional, Napoleón III sería derrotado por Prusia en 1870, abdicando e proclamándose a III República. Trala derrota fronte aos alemán, o descontento xeral provocou en París, en 1871, unha insurrección popular radical, a Comuna, brutalmente aplastada polo exército francés.

Desde a proclamación da III República ata finais do século XIX, Francia convertiuse nunha república parlamentaria, gobernada primeiro polos moderados e despois polos radicais. Nestes anos, Francia creou un gran imperio colonial e quedou illada en Europa polos sistemas bismarckianos, achegándose progresivamente a Rusia e Inglaterra fronte á ameaza alemá, cunha política revanchista e antixermánica que sería un dos factores da Gran Guerra de 1914.

  • O Reino de Italia: dividida desde a época medieval en diferentes Estados, na península italiana produciuse un rápido proceso de unificación (entre 1858 e 1870) que permitiu a formación do Reino de Italia que se converteu, polo seu desenvolvemento económico, nunha das potencias de segunda orde en Europa. O Reino de Piemonte-Sardeña foi o principal impulsor da unificación. O seu primeiro ministro, Cavour, xunto ao revolucionario Giuseppe Garibaldi, destacaron como protagonistas da creación dunha Italia unificada que foi posible grazas ao apoio de Francia e ás victorias militares sobre os exércitos do Reino de Nápoles, dos Estados Pontificios e dos austríacos. En 1861, Vítor Manuel II proclamouse rei de Italia, sendo ocupada Roma en 1870.

O novo reino de Italia convertiuse nunha monarquía constitucional, estando o poder controlado polas clases burguesas, interesadas nun sistema político non democrático. O crecemento económico do novo país foi irregular, obtivo un pequeno imperio colonial e achegouse mediante unha serie de acordos internacionais a Alemaña e Austria, aínda que cambiaría radicalmente de aliados co estoupido da IGM.

  • Alemaña: atomizada en múltiples e variados Estados, a poboación alemá uniuse en torno ao reino de Prusia para formar, baixo a dirección do chanceler Bismarck, unha das grandes potencias europeas, tanto a nivel industrial como militar e política. O proceso de unificación desenvolveuse, fundamentalmente, entre 1860 e 1870, a través dunha serie de guerras sucesivas contra Dinamarca, Austria e Francia. Trala derrota desta última, os alemáns anexionáronse as provincias de Alsacia e Lorena, unha continua fonte de problemas entre os dous países nos anos futuros.

Coa Unificación creouse o II Reich ou Imperio alemán, unha monarquía constitucional confederal coa preeminencia do rei de Prusia (agora káiser ou emperador). Foi un réxime autoritario, militarista e burocratizado, de natureza conservadora e controlado polos grandes industriais e a nobreza terratenente. A unificación económica e política favoreceu o desenvolvemento industrial e comercial, transformándose Alemaña nunha das grandes potencias mundiais, rival de Gran Bretaña. Por outra banda, para controlar o revanchismo francés trala derrota de 1870, Bismarck buscou o illamento do seu inimigo a través dunha serie de complexas alianzas (sistemas bismarckianos), aliándose con Austria, Rusia e Italia, unha política internacional que se mantivo ata finais do século XIX e que cambiaría progresivamente coa desaparición política de Bismarck en 1890.

  • O imperio austrohúngaro: o imperio austríaco ou dos Habsburgos remontábase á Idade Moderna. A principios do século XIX, tratábase dun enorme imperio cunha gran complexidade étnica, o que deu lugar a reivindicacións nacionalistas dos pobos non austríacos, sobre todo os húngaros, (especialmente durante a Revolución de 1848). Desprestixiado e feble, o imperio convertiuse nunha monarquía dual en 1867 (dúas partes autónomas, Austria e Hungría, baixo un mesmo Emperador-rei, Francisco Xosé), nacendo así o imperio austrohúngaro. O sistema político baseábase nunha monarquía constitucional cun emperador con importantes poderes. O principal problema político foi o seu fracaso en democratizarse. Por outra banda, o imperio era un xigante plurinacional, xa que existía unha gran diversidade étnica, aparte dos alemáns e dos húngaros (checos, polacos, rutenos, romaneses, eslovacos, croatas, serbios…..), o que complicaba o funcionamento da monarquía. Ante o risco dunha disgregación territorial, a monarquía viviu un fráxil equilibrio cheo de tensións polas reivindicacións nacionalistas, o que non evitaría a desaparición de Austria-Hungría trala derrota na IGM.
  • A Europa balcánica e o imperio otomán: gran parte desta zona estivera controlada polos turcos desde o s. XVI. Durante o século XIX, o imperio otomán foi perdendo territorios, tanto pola presións dos pobos autóctonos como polos intereses das potencias veciñas (Austria e Rusia). A debilidade política e militar dos turcos permitiu ata mediados do século XIX o xurdimento dunha serie de estados autónomos (Montenegro, Serbia, Romanía…). Os intereses enfrontados dos novos territorios, xunto ás ambicións rusas e austríacas, convertirían nas décadas seguintes aos Balcáns nunha zona de constantes enfrontamentos e tensións (e un dos factores principais da guerra de 1914). O posterior Congreso de Berlín de 1878 recoñeceu a independencia plena de Montenegro, Serbia e Romanía, o nacemento de Bulgaria e o dereito de Austria a administrar Bosnia-Hercegovina. Os enfrontamentos entre os novos estados balcánicos e a rivalidade entre rusos e austríacos para facerse cos restos do imperio turco, levaron a unha serie de novos conflitos nas primeiras décadas do s. XX (as guerras balcánicas). O progresivo engrandecemento territorial de Serbia (apoiada por Rusia), provocou un forte temor en Austria-Hungría, que viu como se incrementaba no seu territorio a axitación nacionalista, preparando o camiño cara a Gran Guerra.
  • Por último, o Imperio Ruso: era a derradeira monarquía absoluta que quedaba en Europa. A Rusia tsarista era un xigantesco imperio plurinacional, cunha tardía e feble industrialización, e con grandes intereses (como acabamos de ver) na zona dos Balcáns, o que explica a súa alianza cos serbios e a súa rivalidade cos austríacos.

 

 

CONCLUSIÓN: o presente mapa, cos cambios ocasionados polas chamadas guerras balcánicas (1912 e 1923), manteríase en gran medida ata a finalización da I Guerra Mundial en 1918 e o triunfo da Revolución bolxevique de 1917. En resumidas contas, o novo mapa europeo que nacería case medio século despois de este sería o resultado da derrota (e desaparición) dos tres principais imperios que existían cara 1871 (o imperio alemán, o austrohúngaro e o turco), ademáis da presión dos distintos movementos nacionalistas dos pobos sen Estado propio que vivían sometidos, sobre todo, nos imperios plurinacionais ruso e otomán. A futura guerra tamén alteraría o fráxil equilibro das grandes potencias que existían no último terzo do século XIX.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en 1º BACHARELATO HISTORIA CONTEMPORÁNEA. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s