TEMAS 2-4. LIBERALISMO E NACIONALISMO: “A Declaración de Independencia dos Estados Unidos de Norteamérica”

1º Bacharelato.Aprendo a comentar un texto histórico: “A Declaración de Independencia dos Estados Unidos de Norteamérica”

 

Para comentar un texto histórico hai que seguir un patrón ou método, cuns apartados determinados.  En caso necesario, nas páxinas 442-443 do teu libro tes unhas indicacións de referencia para a análise dos documentos escritos de tipo histórico.

Como recomendacións xerais, recorda que:

  • É interesante que anotes ou subliñes no momento de ler todo tipo de información básica que che axude a facer o comentario. Tamén podes anotar o que consideres de interese nas marxes do documento.
  • Tamén é recomendable que numeres as liñas ou párrafos do documento: non se debe repetir as palabras do texto, senón comprendelas, analizalas e referirte a elas (“este principio ou idea está recollido n aliña 6….no segundo parágrafo reflíctese a cuestión de….”).
  • Podes facer un breve esquema antes de empezar o comentario, para ter claras as ideas a desenvolver.

Feitos estes preliminares, xa podemos proceder aos pasos básicos do comentario de texto histórico:

  1. Breve introducción (unhas poucas liñas), a modo de presentación xeral do que vas comentar e así facilitarche a tarefa de empezar a redactar.
  2. Natureza do texto segundo a forma (informativos como crónicas, noticias, manifestos, informes, tratados; narrativos, como os relatos, as memorias, as autobiografías; e xurídicos, como as leis, constitucións, decretos ou tratados internacionais), segundo o contido (político, económico, cultural, social, bélico….), e segundo a súa orixe (fontes primarias: documentos coetáneos, da época; fontes secundarias: textos que analizan un acontecemento con posterioridade a que este se producise).
  3. Falar do autor ou autores (explicar a importancia histórica do mesmo e a quen se dirixe o mesmo no documento) e do momento histórico (contexto no que xurde ou se redactou o documento)
  4. Análise do texto: trátase de desenvolver unha redacción na que debes indicar os antecedentes ou factores do feito histórico correspondente, o momento histórico no que se sitúa e a importancia do mesmo, a idea principal (o obxectivo central do documento) e as ideas secundarias, así como explicar as institucións, personaxes ou feitos concretos que inclúa o texto.
  5. Conclusión. Aquí facemos un pequeño resumo da influencia do texto e do seu autor na sociedade da época ou na súa evolución posterior, sen divagar nos feitos posteriores que non se axusten ao contexto do documento.

O Documento a comentar:

Sostemos por evidentes, por sí mesmas, estas verdades: que todos os homes son creados iguais; que son dotados polo seu Creador de certos dereitos inalienables, entre os cales están a vida, a liberdade e a búsqueda da felicidade; que para garantir estes dereitos institúense entre os homes os gobernos, que derivan os seus poderes lexítimos do consentimento dos gobernados; que sempre que unha forma de goberno se faga destructora destes principios, o pobo ten o dereito a reformala ou a abolila, e instituir un novo goberno que se funde en ditos principios, e organizar  os seus poderes na forma que ao seu xuízo sexa a máis axeitada para acadar a seguridade e felicidade. […] Cando unha longa serie de abusos e usurpacións, dirixida invariablemente ao mesmo obxectivo, demostra o designio de someter ao pobo a un despotismo absoluto, ten o dereito, ten o deber, de derrocar ese goberno e establecer novas garantías para a súa futura seguridade. Tal foi o pacente sufrimento destas colonias; tal é agora a necesidade que as obriga a reformar o seu anterior sistema de goberno. […] Polo tanto, os representantes dos Estados Unidos de América convocados en Congreso Xeral […] facemos público e declaramos: Que estas Colonias Unidas son, e deben selo por dereito, Estados Libres e Independentes […] e que toda vinculación política entre elas e o Estado da Gran Bretaña queda e debe quedar totalmente disolta […] “  Congreso de Filadelfia (4 de xullo de 1776)

Proposta solucionada:

-Introducción:

A Revolución ou Guerra de Independencia Norteamericana é un dos acontecementos máis importantes da Historia Contemporánea. Por primeira vez, anos antes do triunfo da Revolución Francesa, os principios do liberalismo conseguían implantarse en Occidente. Xunto a outros documentos relacionados con este feito histórico, como a Declaración de Dereitos de Virxinia (1776), a Constitución Norteamericana de 1787 ou a Declaración de Dereitos dos EE.UU de 1789, representa un dos textos máis importantes na defensa da Liberdade e da Igualdade que consolidarían no futuro as presentes democracias.

-Natureza do texto:

Trátase dun texto informativo e público (anuncia ou proclama a separación ou independencia das colonias inglesas de Norteamérica da metrópoli), de contido político, e clasifícase como fonte primaria xa que foi redactado e publicado na mesma época na que se estaba a desenvolver o proceso revolucionario e de loita contra os británicos, iniciado no mesmo ano de 1776  (sitúase no inicio da guerra contra Gran Bretaña, rematada en 1783).

-Importancia do autor ou autores:

O texto foi redactado por un comité de cinco representantes das colonias, encargados polo Congreso para elaborar unha declaración que proclamase a separación política de Inglaterra e explicara os motivos daquela. Os cinco representantes foron John Adams, Benjamin Franklin, Thomas Jefferson, Robert R. Livingston e Roger Sherman.Brevemente, recordemos o papel destacado dos tres primeiros, xa que, por exemplo, Adams sería trala independencia o 2º presidente norteamericano; Franklin foi un coñecido diplomático, político e científico estadounidense, e Jefferson sería posteriormente o 3º presidente estadounidense. Sendo varios os seus autores, o papel de Jefferson foi moi importante, xa que foi o responsable do borrador do documento, que despois sería retocado con varios cambios para a súa aprobación final.

-Análise do texto:

A primeira revolución liberal no mundo occidental desenvolveuse nas 13 colonias inglesas de América do Norte. As relacións entre as colonias e a metrópoli foron bastante boas desde a súa fundación, gozando todas elas dunha relativa liberdade, xa que aínda que estaban dirixidas por gobernadores nomeados por Londres, as colonias tiñan as súas propias Asembleas ou Parlamentos que lles proporcionaban certa autonomía.

Esta situación cambiou cando o rei británico Xurxo III aumentou os impostos nas colonias en 1765 (sobre produtos como o té ou a correspondencia), sen consultar cos colonos. Estes, paulatinamente enfrontados por motivos comerciais e fiscais, e tamén políticos (non tiñan representantes no parlamento británico e era importante a influencia das ideas ilustradas), manifestaron o seu descontento a partires de 1774, aprobando en moitos dos territorios coloniais declaración de dereitos nas que recollían como deberían funcionar as novas autoridades trala ruptura con Gran Bretaña, e establecendo unha serie de principios básicos de tipo liberal (garantía dos dereitos individuais e responsabilidade dos gobernates ante o pobo).  Ao ano seguinte, en 1775, empezaron os primeiros combates contra os ingleses.

O 4 de xullo de 1776, os representantes das 13 colonias, reunidos no chamado Congreso Xeral, despois de acordar que as colonias ían convertirse en Estados libres e soberanos, fixeron pública a presente Declaración conxunta de independencia. Decidiuse formar unha confederación, os Estados Unidos de América, dirixida por un Congreso formado polos representantes de cada Estado ou antiga colonia.

Este sería o contexto histórico do documento presente que temos que analizar a continuación.

A Declaración de Independencia está dividida en varios apartados. Os contidos fundamentais do documentos son xustificar a separación política da Gran Bretaña e recoñecer unha serie de dereitos e liberdades básicos dos cidadáns do novo Estado creado.

A nivel ideolóxico, está moi clara a influencia dos ilustrados franceses do XVIII e do filósofo inglés John Locke.

Con respeto á xustificación das colonias de independizarse do Reino Unido, aquela está claramente recollida entre as liñas 6 e 9 do texto (“Cando unha longa serie de abusos e usurpacións……demostra o designio de someter ao pobo a un despotismo absoluto….sufrimento destas colonias….obriga a reformar o seu anterior sistema de gobernó…”). Unha vez expostas as queixas dos representantes das colonias (debido aos factores que comentamos anteriormente), proclámase de forma solemne (liñas 10-14) a separación ou ruptura completa con respeto a Inglaterra, dando paso ao nacemento dos Estados Unidos (aínda que a independencia destes non sería recoñecida polos británicos ata 1783). Destacar tamén un coñecido fundamento do que no futuro defendería a democracia norteamericana: o dereito de todo pobo sometido ou asoballado por un goberno tiránico a rebelarse contra aquel (liñas  4-6 e liñas 6-9).

Ademais da importancia histórica de asistir ao nacemento deste novo Estado, o documento tamén recolle moitos dos principios básicos do liberalismo (herdeiro da Ilustración), sobre todo, na primeira metade do texto presente. Destacan conceptos como a igualdade xurídica de todos cidadáns (“todos os homes son creados iguais”, liña 1) e o goce por parte daqueles de dereitos inalienables segundo a Lei Nautral (dereito á vida, á búsqueda da felicidade…liña 2, dereito á seguridade, liña 6…).

En todo caso, o novidoso deste documento é que establece moi claramente o dereito do pobo a organizarse libremente desde o punto de vista político, co fin de garantir os dereitos e liberdades básicos daquel. As ideas contidas non eran novidosas (moitas delas foran formuladas por Locke, Montesquieu, Rousseau e outros), pero sí era a primeira vez que se levaban á práctica.

-Conclusión:

A guerra contra Gran Bretaña non remataría ata 1783. Catro anos despois, o modelo confederado foi substituido por unha República federal e predisencialista, e moitos dos principios políticos recollidos na Declaración de Independencia e outros documentos fundamentais foron redactados na Constitución norteamericana de 1787 (a primeira do mundo baseada nos principios do liberalismo), complementada cunha Declaración de Dereitos en 1789.

A influencia da Declaración e da independencia norteamericanas foi enorme. Supuxo a plasmación práctica (como sinalamos máis arriba) do que ata ese momento non eran máis que principios teóricos dos filósofos ilustrados, abrindo unha fisura nas bases que sustentaban as monarquías absolutas. A partir de entón, a posibilidade de que os habitantes dun territorio puideran darse a si mesmos un goberno e un sistema de tipo liberal parecía máis realizable, xa que existía un exemplo a imitar, tal como se faría en Francia a partir de 1789 e en España a partir de 1812. Polo tanto, a curto prazo, o proceso revolucionario norteamericano tivo unha indudable influencia na Revolución Francesa e, a través desta na chamada Revolución Liberal Española a partir de 1808.

Finalmente, recordar que a Declaración (aínda que EE.UU non se independizarían oficialmente ata 7 anos despois daquela), significou o nacemento dun dos países chamados a ter un dos papeis político, económico e cultural máis destacados en todo o planeta, a actual superpotencia dos Estados Unidos de Norteamérica.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en 1º BACHARELATO HISTORIA CONTEMPORÁNEA. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s