TEMA 10. A II GUERRA MUNDIAL “Mapa de Europa trala IIGM”

Comentar un mapa histórico: Europa trala IIGM

 

O comentario dun mapa divídese en tres partes: introducción, o comentario propiamente dito e a conclusión.

  1. Introducción: explica brevemente o momento histórico que representa o mapa (rematada xa a II Guerra Mundial)
  2. Comentario ou explicación do mapa. Esta é a parte máis importante. Debes explicar o tema sobre o que trata o mapa. Neste sentido, ao ser o resultado dos cambios despois da IIGM, resume brevemente a importancia deste conflito, centrándote nas repercusións territoriais que tivo o final da guerra  no mapa político Europeo.

É importante que vaias relacionando toda esa información coas fronteiras representadas no mapa (Estados que desapareceron, Estados novos, cambios nas fronteiras…)

  1. Conclusión: debes facer unha valoración xeral da información que nos ofrece o mapa. ¿Houbo outros cambios nas fronteiras europeas con posterioridade?  ¿cando e como resultado de que feitos? ¿Qué cambios políticos se produciron na Europa de posguerra? Explica as principais diferenzas entre o mapa de 1945 e o mapa europeo do 2014Imaxe.

Proposta solucionada a xeito de modelo orientativo para que vexas como comentar este mapa histórico:

INTRODUCCIÓN:

O presente mapa amosa o continente europeo cos cambios nas fronteiras como resultados do desenvolvemento da IIGM.

Seguramente a Segunda Guerra Mundial foi o conflito bélico máis universal e catastrófico da historia da humanidade. Enfrontou durante 6 anos (1939-45) a dous bloques de países: as potencias do Eixe (Alemaña, Italia e Xapón) e aos Aliados (Gran Bretaña, Francia, a URSS, EE.UU e China), xunto a diferentes países que apoiaron a un e outro bando. Os combates máis decisivos libráronse en Europa e Asia, aínda que houbo combates tamén nos demáis continentes. Boa parte dos principios que regularon a orde mundial no resto do século XX e principios do XXI deben non pouco a dito conflito.

Como causas xerais da IIGM podemos recordar as de tipo político e económico (a política exterior agresiva e expansionista do fascismo italiano, do nazismo alemán e do imperio xaponés; a crise das democracias parlamentarias; o fracaso da Sociedade de Nacións; o illacionismo dos EEUU trala IGM, etc).

As consecuencias do conflito foron terribles, tanto a nivel económico (importantes destruccións), como humanas (máis de 60 millóns de mortos), como morais (horribles crimes como o Holocausto) e políticas (cambios territoriais no mapa europeo e unha situación internacional que puxo as bases da futura Guerra Fría).

 

COMENTARIO:

Durante os combates e distintas fases militares da IIGM, os Aliados organizaron (entre 1943 e 1945) unha serie de reunións e conferencias co fin de coordinar as operación bélicas e a política a seguir respecto ás potencias do Eixe, tanto durante o conflito como na futura posguerra. Así, na Conferencia de Yalta de febreiro de 1945 establecéronse unha serie de criterios territoriais (Stalin conseguíu garantías para anexionarse os Estados Bálticos e o leste de Polonia, entre outros aspectos) e políticos segundo os cales debería organizarse a Europa liberada trala derrota do fascismo, criterios que están moi relacionados co presente mapa. Unha vez rematada a guerra en Europa, os líderes aliados volverían a reunirse na Conferencia de Postdam (xullo de 1945), onde se tomaron novas decisións que afectaron ao futuro de Europa e do Mundo.

En canto aos cambios territoriais que podemos observar no mapa europeo de 1945, podemos destacar:

  • Alemaña, a principal potencia do Eixe derrotada na IIGM, foi dividida en catro zonas de ocupación (estadounidense, británica, francesa e soviética), ao igual cá antiga capital do III Reich, Berlín (incluída na zona soviética. Coas tensións da inmediata posguerra, as zonas de ocupación aliadas de Alemaña constituíronse en 1949 na República Federal Alemá ou ALemaña Occidental, e a zona soviética na República Democrática Alemá ou Alemaña Oriental.
  • A antiga Alemaña perdeu uns 100.000 km2 na súa frontera leste e en Prusia Oriental, perdas que favoreceron a Polonia e á URSS.
  • Polonia sufríu cambios nas súas fronteiras, “movendo” os seus límites territoriais cara ao Oeste (liña Oder-Neisse), cedendo aos soviéticos a zona polaca ocupada por estes en 1939 e sendo compensada con territorios alemán do leste.
  • A URSS foi a potencia máis beneficiada polos cambios territoriais, anexionándose definitivamente as antigas Repúblicas Bálticas (ocupadas en 1940), parte da Prusia Oriental (incluíndo a antiga Koenisberg, actual Kaliningrado), o territorio polaco invadido na IIGM, a Rutenia Subcarpática húngara, a Besarabia romanesa e a Carelia finesa. Deste feito, desprazaba as súas fronteiras europeas cara ao Oesta, como “colchón” territorial ante futuras ameazas de ataque e como “compensación” polos importantes danos e sufrimientos soviéticos na guerra.
  • Italia, a outra potencia importante do Eixe derrotada en 1945, tivo que renunciar a Istria a favor de Iugoslavia. Potencias menores que colaboraron co Eixe, como Finlandia, Hungría, Romanía e Bulgaria (esta anexionouse de Romanía a Dobrudja Meridional) experimentaron cambios territoriais diversos (algúns comentados anteriormente).
  • Outros cambios territoriais a comentar foron a devolución das provincias francesas de Alsacia e Lorena (ocupadas por Hitler en 1940) e a recuperación da independencia de Austria (anexionada polos nazis en 1938), aínda que este país foi igualmente dividido en 4 zonas de ocupación polos vencedores (como no caso alemán), ata mediados dos anos 50.

 

Por outra banda, no mapa presente, ademais dos cambios fronteirizos comentados, tamén podemos analizar os cambios políticos e os importantes movementos de poboación causados polos resultados da IIGM:

 

  • Un dos efectos humanos máis considerables do conflito, a parte da elevada mortalidade causada por aquela, foron os grandes desprazamentos de poboación. Uns movementos xa se produciran durante a guerra, provocados polos nazis coa súa política de “reasentamento e colonización” dos territorios do leste (para xermanizar os países conquistados). Outros movementos producíronse xusto ao final da guerra, estando moitos deles relacionados cos acordos establecidos nos tratados de paz e cos cambios de fronteiras comentados. Calcúlase que en maio de 1945 había en Europa uns 40 millóns de persoas desprazadas e desarraigadas, dos cales uns 13 millóns eran alemáns expulsados de Checoslovaquia e dos territorios anexionados por Polonia e pola URSS, nun auténtico “efecto dominó” (os territorios abandonados polos alemáns, os bálticos, os polacos ou os fineses, foron reocupados e repoboados por cidadáns doutros Estados á súa vez).

 

A nivel político, a derrota militar do Eixe fronte aos aliados supuxo o fracaso e desaparición dos sistemas fascistas (só se mantivo algún réxime con características próximas a aqueles como a España de Franco ou o Portugal de Salazar). Pero a distinta ocupación polos aliados dividíu Europa en dúas zonas política antagónicas:

  • Na Europa Occidental, liberada polos angloamericanos, restableceuse a democracia parlamentaria e o sistema económico capitalista. Rexurdiron con vigor os partidos socialdemócratas e demócrata-cristiáns, aínda que tamén cobraron forza os partidos comunistas prosoviéticos, especialmente en Francia e Italia. Neste último país, organizouse un referendo que substituíu a monarquía por unha república.
  • Na Europa Oriental (Alemaña do Leste, Polonia, Checoslovaquia, Hungría, Romanía e Bulgaria), liberada pola URSS, despareceron as monarquías que existían antes da guerra e impuxéronse á forza as chamadas democracias populares (en realidade, ditaduras comunistas baixo a hexemonía soviética)
  • No caso de Iugoslavia e Albania (que pasaron tamén de monarquías a repúblicas), estes países foran libarados polos partisanos comunistas, pero sen a intervención do Exército Vermello, implantándose réximes comunistas, aínda que independentes de Moscova.

 

CONCLUSIÓN: hai que ter en conta que, ademais de importantes cambios territoriais e fronteirizos no mapa europeo posterior a 1945, foron igualmente importantes os cambios políticos, xa que ao pouco tempo de finalizar a IIGM Europa quedou dividida polo chamado Telón de Aceiro, separando a Guerra Fría ao bloque occidental pro norteamericano do bloque oriental pro soviético. Esta situación territorial e política prácticamente se mantivo ata a caída do Muro de Berlín e o afundimento do bloque soviético, cando se volveron a producir importantísimos cambios como a reunificación alemá, a desintegración soviética, a desparación de Iugoslavia ou a división de Checoslovaquia.

En definitiva, un mapa europeo o presente resultado directo da victoria militar dos Aliados e que coas súas consecuencias políticas manteríase en gran medida durante os seguintes 45 anos.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en 1º BACHARELATO HISTORIA CONTEMPORÁNEA. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s