TEMA 7. A REVOLUCIÓN RUSA E A URSS: ”Comentario das “Teses de Abril”. Lenin.

Aprendo a comentar un texto histórico: “As Teses de Abril”

 

Para comentar un texto histórico hai que seguir un patrón ou método, cuns apartados determinados.

Como recomendacións xerais, recorda que:

  • É interesante que anotes ou subliñes no momento de ler todo tipo de información básica que che axude a facer o comentario. Tamén podes anotar o que consideres de interese nas marxes do documento.
  • Tamén é recomendable que numeres as liñas ou párrafos do documento: non se debe repetir as palabras do texto, senón comprendelas, analizalas e referirte a elas (“este principio ou idea está recollido n aliña 6….no segundo parágrafo reflíctese a cuestión de….”).
  • Podes facer un breve esquema antes de empezar o comentario, para ter claras as ideas a desenvolver.

Feitos estes preliminares, xa podemos proceder aos pasos básicos do comentario de texto histórico:

  1. Breve introducción (unhas poucas liñas), a modo de presentación xeral do que vas comentar e así facilitarche a tarefa de empezar a redactar.
  2. Natureza do texto segundo a forma (informativos como crónicas, noticias, manifestos, informes, tratados; narrativos, como os relatos, as memorias, as autobiografías; e xurídicos, como as leis, constitucións, decretos ou tratados internacionais), segundo o contido (político, económico, cultural, social, bélico….), e segundo a súa orixe (fontes primarias: documentos coetáneos, da época; fontes secundarias: textos que analizan un acontecemento con posterioridade a que este se producise).
  3. Falar do autor (explicar a importancia histórica do mesmo e a quen se dirixe o mesmo no documento) e do momento histórico (contexto no que xurde ou se redactou o documento)
  4. Análise do texto: trátase de desenvolver unha redacción na que debes indicar os antecedentes ou factores do feito histórico correspondente, o momento histórico no que se sitúa e a importancia do mesmo, a idea principal (o obxectivo central do documento) e as ideas secundarias, así como explicar as institucións, personaxes ou feitos concretos que inclúa o texto.
  5. Conclusión. Aquí facemos un pequeño resumo da influencia do texto e do seu autor na sociedade da época ou na súa evolución posterior, sen divagar nos feitos posteriores que non se axusten ao contexto do documento.

O Documento a comentar:

1. Nuestra actitud hacia la guerra […] no admite concesión alguna por pequeña que sea […].

2. La peculiaridad del momento actual en Rusia es el paso de la primera etapa de la revolución […] a su segunda etapa, que debe poner el poder en manos del proletariado y de los sectores pobres del campesinado […].

3. No dar ningún apoyo al gobierno provisional.

4. Reconocer que en la mayor parte de los sóviets de diputados obreros nuestro partido está en minoría […]. Explicar a la masa que los sóviets de diputados obreros son la única forma posible de gobierno revolucionario.

5. No a una república parlamentaria […] sino a una república de los sóviets de diputados obreros […].

6. Confiscación de todas las tierras de los terratenientes. Nacionalización de las tierras del país […].

7. Fusión inmediata de todos los bancos del país en un banco nacional único, sometido al control de los sóviets […].

“As Teses de Abril”, LENIN, 3 de abril de 1917

Proposta solucionada a xeito de exemplo:

-Introducción:

A Revolución Rusa é un dos acontecementos máis importantes da Historia Contemporánea. Por primeira vez, o marxismo implantaríase oficialmente nun país, cunha nova organización estatal, social, política e económica. O triunfo revolucionario dos bolxeviques tería unha grande influencia non só na súa época, senón tamén noutras revolucións posteriores (China, Cuba), e na creación dos diferentes partidos comunistas do planeta.

-Natureza do texto:

Trátase dun texto informativo (é o programa político ou bases a seguir polo Partido Bolxevique), de contido político, e clasifícase como fonte primaria xa que foi redactado e publicado na mesma época na que se estaba a desenvolver o proceso revolucionario na Rusia de 1917 (entre a revolución moderada de febreiro e a revolución comunista de outubro).

-Importancia do autor:

Vladimir Ilich Ulianov, Lenin, foi o principal líder revolucionario soviético e fundador e dirixinte da URSS ata a súa morte en 1924. Activista revolucionario e opositor ao tsarismo dende a súa xuventude, Lenin era un fiel seguidor das teorías de Karl Marx, con aportacións orixinais adaptadas á situación rusa (o marxismo-leninismo). En 1919 fundaría a III Internacional, dando lugar ao nacemento dos partidos comunistas en distintos países. Trala súa morte, sería sucedido no poder por Iosif Stalin.

Exiliado de Rusia dende 1905, Lenin volveu en 1917 co estoupido da revolución que derrocou ao tsar Nicolás II, co obxectivo de organizar o movemento revolucionario. Polo tanto, estas Teses ou programa do partido bolxevique (marxistas rusos seguidores de Lenin), sitúanse cronolóxicamente entre a caída do absolutismo en Rusia e a chegada ao poder dos comunistas varios meses despois.

-Análise do texto:

O Imperio tsarista era o derradeiro Estado absolutista a principios do século XX. O atraso económico, as desigualdades sociais e a falta de institucións democráticas, facilitaron a aparición de numerosos grupos políticos opositores, tanto pacíficos como violentos. En 1905 xa se producirá un primeiro brote revolucionario no país. A pésima marcha da guerra trala entrada de Rusia na I Guerra Mundial, empeorou a situación do país, provocando un levantamento revolucionario no mes de febreiro de 1917, forzando ao tsar a renunciar ao trono.

Esta primeira revolución ou fase burguesa, pillou a Lenin no exilio, pero coa axuda do gobernó alemán, o líder bolxevique regresaría a Rusia, co fin de facilitar a saída deste país da Gran Guerra. Lenin estaba en contra da participación rusa nunha “guerra imperialista”. Á súa chegada ao país, o tsar perderá o poder, e o gobernó provisional estaba composto por políticos liberais que prometerán facer reformas económicas, políticas e sociais, ademais de continuar participando na guerra do lado dos Aliados.

No presente documento, Lenin deixa claro o seu apoio á revolución, pero non está conforme con que sexa unha revolución liberal ou burguesa: defende unha revolución completamente socialista e pide que non se apoie ao goberno provisional (apartados 2 e 3 do documento). Segundo el, os feitos de febreiro son unha primeira fase que debe dar paso a unha segunda fase, a auténtica revolución marxista (proletaria e campesiña). Rexeita que Rusia se convirta nunha democracia parlamentaria como as de Europa occidental. Os distintos puntos ou apartados das Teses xustifican, polo tanto, a súa postura, e van dirixidos a explicar aos seus seguidores cales son os pasos a seguir no futuro inmediato.

Así, na primeira tese, está clara a crítica de Lenin ante a decisión do gobernó provisional de continuar o esforzó de guerra (“conflito capitalista e imperialista”). Os bolxeviques defensores da revolución deben opoñerse á participación militar de Rusia, sen vantaxes para o proletariado nin para o conxunto do pobo ruso. Cando se tome o poder en outubro, Lenin iniciará negociacións con Alemaña para retirarse do conflito.

Na segunda Tese, como comentamos anteriormente, Lenin explica a situación política de Rusia naquel momento. O derrocamento do Tsar foi un primeiro paso, pero os obreiros e campesinos non deben conformarse con esa revolución liberal, que só beneficia aos intereses da burguesía. Os traballadores deben facer posible a súa propia revolución, o que levará ao levantamento bolxevique de outubro de 1917. Na terceira Tese reafírmase a decisión de non apoiar aos integrantes do goberno provisional, xa que os traballadores só deben recoñecer aos soviets como os auténticos representantes do pobo ruso. Hai que ter en conta, que entre os meses de febreiro e outubro de 1917, na Rusia postsarista, deuse unha dualidade de poderes: o gobernó provisional (lexítimo e oficial, pero que non controlaba totalmente a situación política), e os soviets de traballadores (que non tiña un goberno oficial, pero que estaba mellor organizado, contaba cos apoios do proletariado e do campesiñado, e que controlaba as rúas e cidades do país).

Esta difícil e tensa situación política está referida nas dúas seguintes Teses (4 e 5): Lenin recoñece que os bolxeviques están en minoría política, pero que hai que convencer ao pobo que a mellor opción para Rusia non é unha república parlamentaria, senón unha república dos soviets (consellos ou asembleas de obreiros e campesinos, que xurdiran durante a Revolución de 1905). Hai que conseguir que os soviets controlen as fábricas e as explotacións agrarias, como representantes da vontade e dos intereses dos traballadores.

Nas Teses 6 e 7, Lenin fai referencia ás grandes reformas que pensa facer cando se faga co poder. Os soviets prometen despoxar das súas terras aos grandes propietarios (nobreza, Igrexa, burguesía..), para ser repartidas entre os campesinos sen terras (Tese nº 6). Asemade, desaparecerán os bancos privados, propiciando a unión destes para formar un único banco nacional ou estatal, baixo o control dos soviets (Tese nº 7). É dicir, Lenin pensa nun futuro próximo instaurar un Estado no que se suprima a propiedade privada, tanto para acabar cos problemas urxentes (fame e desemprego da poboación), como para poñer na práctica unha sociedades en clases, segundo o ideario marxista.

-Conclusión:

As Teses de Abril, ou programa de acción política dos bolxeviques, buscaban convencer ao pobo ruso da necesidade de superar a situación que vivía Rusia naquel momento. A solución aos problemas de Rusia debe ser unha República de Soviets, que emprenda unha profunda reforma agraria (nacionalización dos latifundios), crea un Banco nacional e saque a Rusia da Guerra (todo isto resumíase no lema “Paz, Pan e Terra”), para arranxar os problemas máis urxentes da nación. Nos meses vindeiros, os bolxeviques  iríanse facendo co control dos soviets e aumentando a súa influencia no proceso revolucionario. Lenin iría reforzando a súa posición fronte ao goberno provisional de Kerensky, cada vez máis impopular e desbordado polos problemas. Os bolxeviques tentaron primeiro tomar o poder alzándose no verán de 1917, sendo aplastados e tendo Lenin que exiliarse temporalmente. Pouco despois, colaborarían co goberno provisional para aplastar o intento de golpe de Estado de Kornilov. Reforzados tras este éxito, planificarían xa no outono de 1917 a toma do poder, dando paso á Revolución de outubro do mesmo ano. Unha vez afianzado como máximo dirixente Lenin e aplastada calquer tipo de oposición, cos Decretos de Outubro, faríanse efectivos a maior parte dos obxectivos recollidos nas Teses. Nacería así o primeiro Estado comunista do mundo, coñecido oficialmente como a Unión Soviética poucos anos despois.

 

Advertisements
Estas entrada foi publicada en 1º BACHARELATO HISTORIA CONTEMPORÁNEA coas etiquetas . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s